Gandarela

    O grupo de pandeireteiras creouse no ano 2005 e recolle unha das tradicións máis relevantes da música tradicional galega: a pandeireta e o canto.

     

    Este xénero ten a súa orixe nunhas festas de inverno, as ruadas ou fiadeiros, que se celebraban despois do duro traballo do liño. Nos fiadeiros, todo o mundo, pero especialmente as mulleres, collían a súa pandeireta, ou calquera trebello como instrumento, e cantaban para acompañar as diferentes danzas.

     

    Outra peculiaridade deste xénero é que as pezas que se i nterpretan se recollen polas aldeas e vilas a partir da información que proporciona a xente maior que cantaba e tocaba. Así, as muiñeira, xotas, danzas e ruadas que figuran no repertorio de GANDARELA son pezas recollidas de informantes por toda a xeografía galega. As cancións de pandeireta comezáronse a recoller e interpretar nos escenarios de forma masiva nos anos oitenta, coa aparición de grupos tan coñecidos como Leilía, Xiradela ou Mercedes Peón.

     

     

    Gandarela bebe desa tradición e actualmente conta con 8 integrantes, todas elas rapazas. É o segundo grupo estable de cantareiras do CGB (o primeiro foi Arrañoá, cun percorrido dende a metade dos noventa ata aproximadamente o ano 2004) e conta no seu repertorio con máis de 40 temas, con algunha peza con arranxos de gaita e tamén con temas que utilizan outros instrumentos de percusión como as pandeiras, culleres, lata de pemento, pandeiros, etc.

     

    Entre as actuacións máis destacables de Gandarela cómpre mencionar a participación en programas de radio en galego (Radio teletaxi e Radio Unió), colaboración co grupo de teatro en galego Furafollas, actuacións en Centros Cívicos da cidade de Barcelona como a Casa Groga, Gran Encontro dos Galegos do Mundo (ano 2007), a Foliada de Nou Barris, diversas festas doutras entidades galegas en Catalunya, participación nun disco de pandeireteiras impulsado pola Federación de Entidades Galegas en Catalunya (Fegalcat) ou o Día da Galicia Exterior 2010, en Santiago de Compostela.

     

    Integrantes: Fani Fernández, Judith Leandres, Salomé López, Eva López, Silvia Márquez, Mila Pérez, Esther Rivera, Adriana Castro, Cristina Amarelo e Patricia Muras.

     

    Contratación: Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

    Visítanos no Facebook