| Acerca |
|
Os antecedentes do Centro Galego de Barcelona (CGB) remóntanse a 1892, de xeito que é a entidade decana da comunidade galega de Catalunya, e un dos centros máis antigos da emigración galega. Durante todo este tempo, o CGB foi escenario de importantes feitos históricos nas relacións entre Galiza e Catalunya. Polos seus locais pasaron grandes persoeiros coma Otero Pedrayo, Castelao, Vicente Risco, Portela Valladares ou Álvaro Cunqueiro, que fixeron do Centro Galego de Barcelona un referente da cultura galega na sociedade barcelonesa. O principal obxectivo do Centro Galego de Barcelona é promover e difundir a lingua, a cultura e as tradicións do pobo galego en Barcelona. Ao longo do ano, desenvólvense diferentes actividades culturais, dirixidas tanto aos galegos residentes en Barcelona como a sociedade catalá interesada pola cultura galega. A programación cultural complétase coa organización de cursos de formación (gaita, percusión, acordeón, baile, solfexo...) e a prestación de servizos para os socios e as socias. Os socios e socias do CGB gozan de vantaxes exclusivas no uso das instalacións e no acceso ás diferentes actividades organizadas polo centro.
O Centro Galego de Barcelona tamén participa activamente no tecido asociativo de Barcelona. É membro da Federación de Entidades Culturais Galegas en Catalunya (Fegalcat), da Federación de Casas Rexionais e Entidades Culturais de Catalunya e da asociación Amics de La Rambla. |



